8 de marzo
DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES
DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES
A participación das mulleres na historia
da humanidade, na construción das habilidades e saberes humanos foi
achantada ou ignorada durante séculos. Con moitísimo traballo e esforzo
tivemos que loitar contra os muros da exclusión, da inferioridade, da
falta de recoñecemento social e político, individual e colectivo. Unha loita incesante que non nos dá un
momento de acougo, xa que no intre en que se recoñecen algunhas das
nosas demandas vemos como, cunha rapidez asombrosa, érguense de novo os
vellos muros pero con outros nomes: crise, recortes, paro, peche de
servizos sociais, economía submerxida, violencia de xénero... e moitos
máis que enredan e obstaculizan o que parecía que xa era noso e que toda
a sociedade tiña asumido: que as mulleres somos seres humanos libres e
con dereitos.
Nesta complexa engrenaxe as mulleres xa
notabamos e alertabamos das poucas bondades dun “estado do benestar”
capitalista, patriarcal, heterosexual e belicista que perpetuaba as
desigualdades norte-sur, ricos-pobres, homes-mulleres. Pero estas
desigualdades eran “asumidas” como un mal menor, en grande parte polas
vantaxes de estar situadas nesta parte do planeta e nesta época de
“bonanza económica.
Hai décadas que as mulleres da marcha
mundial encabezamos a loita en contra a mercantilización e a
privatización dos bens comúns, a defensa da terra e da soberanía
alimentaria; hai anos que acompañamos ou formamos parte das mulleres que
se negan a que lles roube o seu territorio para ser ocupado por
plantacións de transxénicos ou bases militares; as que loitamos dentro
dos movementos sociais para que se nos recoñeza en igualdade. Todas
estas loitas xa nos alertaban da podremia do sistema, de que ese “estado
do benestar” estaba asentado sobre a lama.
Agora constatamos con indignación o
agravamento das condicións de vida das mulleres do noso continente. A
Europa do capital está a saquear as nosas vidas e os nosos dereitos. Os
recortes e as privatizacións dos servizos públicos dificultan a
autonomía das mulleres. Os recortes dos gastos sociais supoñen case
sempre un incremento do traballo doméstico e de coidados non remunerados
(en xeral a cargo das mulleres). O pensamento neoconservador busca
impor valores que dificulten o camiño emancipador das mulleres.
Por todo isto, neste 8 de marzo de 2013,
as mulleres feministas, que formulamos a necesidade da
corresponsabilidade no coidado das persoas e nas tarefas domésticas; as
que esiximos un novo modelo social sen división do traballo en función
do sexo; as que propoñemos un novo modelo social no que as persoas sexan
o cerne das políticas públicas, COMPROMETÉMONOS a seguir loitando para
derrubar os muros que protexen aos banqueiros e ao corruptos; aos
especuladores e aos que botan a outras persoas dos seus fogares, aos que
fan uso da violencia e criminalizan aos movementos sociais.
Sabemos o que queremos e temos o reto de
atopar o xeito de logralo, pero SABEMOS QUE O IMOS LOGAR, VAIA SE O
IMOS LOGRAR, que llo digan a todas as nosas antepasadas e contemporáneas
que sacrificaron as súas vidas para acadar os dereitos que nos queren
arrincar, que llo digan as nosas avoas, ás nosas nais, ás nosas irmáns
do Congo, Malí, Colombia, México; ás mariscadoras do Val Miñor, ás
redeiras do Morrazo e A Guarda, as que traballan na conserva e no
téxtil, ás labregas de toda Galiza, as costureiras, enfermeiras,
obreiras, avogadas, xornalistas, artistas, mestras, alumnas.... que nos
digan se imos permitir que nos metan outra vez na casa, que nos rouben
os dereitos conseguidos, que nos obriguen a calar e a non ter nada que
dicir sobre as nosas liberdades sexuais e reprodutivas. Que non pensen
que imos ficar mudas e quietas deixando que nos agridan.
Nós, mulleres, queremos controlar as
nosas vidas e construír unha sociedade máis xusta que termine co sistema
capitalista e patriarcal, que nos permita vivir a nós e a todas e todos
unha vida digna.
A DÉBEDA DOS GOBERNOS É COAS MULLERES,
NON COA BANCA
MARCHAMOS POR UNHA VIDA DIGNA E SOSTIBLE
Ata que todas sexamos libres!!!
Manifesto da Marcha Mundial das Mulleres de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario