viernes, 17 de mayo de 2013

Feliz día das letras

ANIMACIÓN REALIZADA POLOS ALUMN@S DO OBRADOIRO DE EDUCACIÓN PLÁSTICA , IES AS BARXAS,MOAÑA
   Cantares gallegos / Rosalía de Castro



 Eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo:
¡Non che teño medo, moucho,
moucho, non che teño medo!
- I -
Unha noite, noite negra,
como os pesares que eu teño,
noite filla das sombras
alas que estenden os medos;
hora en que cantan os galos,
hora en que xemen os ventos,
en que as meigas bailan, bailan,
xuntas co demo pirmeiro,
arrincando verdes robres,
portas e tellas fendendo,
todas de branco vestidas,
tendido los brancos pelos,
contra quen os cans oubean
agoirando triste enterro;
cando relumbrar se miran
antre os toxales espesos,
cal encendidas candeas
ollos de lobo famento,
e os ramallaxes dos montes
antre sí murmuxan quedos,
e as follas secas que espallan
os aires da noite inquietos,
en remuíños se xuntan
con longo estremecemento;
indo camiño da Igrexa,
soia cos meus pensamentos,
cabo da fonte da Virxe,
pretiño do cimeterio,
dempois de sentir un sopro
que me deixou sin alento,
eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo.
- II -
Arrepuiñadas todas
as carnes se me puñeron,
e os cabelos no curuto
fóronse erguendo direitos;
gotas de sudor corrían
a fío polo meu peito,
e trembaba como tremban
as auguas cando fai vento,
na pía da fonte nova,
que sempre está revertendo.
Aquel moucho alí fincado,
cal si fose o mesmo demo,
fito a fito me miraba
cos seus ollos rapiñeiros,
que coidei que me roubaban
non máis que de lonxe velos.
De lume me paresían
e que me queimaron penso;
penso que eran tizós roxos
da fogueira dos infernos,
que polas niñas me entraron
hastra o corazón dereitos.
En el remorsos había
de amoriños pecadentos...
¡Ai, quen ten deses amores
non pode achar bon sosiego!
Chovía si Dios ten augua,
ventaba en tódolos ventos,
e ensarrapicada toda
a camiñar non me atrevo,
que o moucho, fita que fita,
me aspera naquel penedo.
Mais acordeime da Virxe
que sempre conmigo levo,
résolle un Ave-María,
e cobrando novo alento,
como os páxaros do mare,
nadando paso o regueiro;
corro a enriba do valado,
brinco en baixo do portelo,
e dende alí berro estonces
con cantas forzas eu teño:
¡Non che leño medo, moucho,
moucho, non che teño medo!

No hay comentarios:

Publicar un comentario